25/5/09

A polvoreira que deixou o Klaus

El País
24/05/2009
Lorena Bustabad

Centos de toneladas de madeira apílanse ao bordo da estrada que atravesa os municipios de San Sadurniño e Moeche, camiño de Ortegal. Piñeiros e eucaliptos amoréanse sobre pistas pouco transitadas e estradas secundarias agardando ás motoserras. "É unha polvoreira", asegura Saturnino Pena, rematante de madeira. En xaneiro o ciclón Klaus arrasou na costa norte da Coruña e Lugo un millón de árbores e torretas eléctricas e deixou incomunicadas a centenares de familias. Hoxe a madeira segue aí, invadindo cortalumes. A Xunta alertou esta semana do risco "inminente de incendio" na zona. Ao longo da liña de costa, o salitre reseca os restrollos e as cortizas das árbores.


"Pode haber un millón de toneladas de madeira afectada que non chegaron ao mercado", explican desde Fearmaga, a federación que agrupa a 550 empresas do sector madeireiro, aserradoiros e rematantes. A súa presidenta, Ana Oróns, sostén que "a porcentaxe comercializada é mínima, a pesar de que a industria se comprometeu a darlle prioridade". Achácao á crise e á lentitude administrativa para canalizar axudas.

O superdelegado na Coruña, Diego Calvo, admite que a perigosa coincidencia, madeira tirada e tempo seco, multiplica os riscos porque avivaría a propagación do lume. O di logo de escoitar as queixas dos alcaldes de Moeche e Cerdido. Calvo explica que a madeira se abaratou "coa sobreoferta do Klaus", polo que moitos particulares prefiren agardar "antes de vender barato". Hai seis meses, a tonelada de eucalipto vendíase a 35 euros; hoxe, a 25. A crise a paga sobre todo o piñeiro, a 20 euros.

"A preocupación de Medio Rural é minimizar ese risco", asegura Calvo, quen apunta que o bipartito deixou contratado o servizo contraincendios para a campaña que comeza. En 2008 participaron 6.100 efectivos.

Despois do temporal, produtores, industria e Administración reuníronse na Mesa da Madeira, para axilizar os trámites e dar saída a tanta árbore abatida. A presidenta de Fearmaga apunta que o cambio de Goberno retardou as operacións. O groso da retirada pode coincidir coa época de máximo risco, en pleno verán.

O 15 de maio finalizou o prazo para solicitar á Xunta axudas para a curta e seca das árbores caídas. As comunidades de montes teñen prioridade. "Esta tarefa é difícil e perigosa", advirte Oróns, "debe executala xente formada".

En Galicia hai 309 empresas de rematantes que se dedican a talar, retirar e reprantar. Insuficientes, fronte ao abandono do monte. En 2008 producíronse oito millóns de metros cúbicos de madeira. Dous millóns de hectáreas forestais están en mans de 672.000 propietarios particulares. "Raro é o que non ten un pedazo de monte", asegura Saturnino Pena, quen reprocha á Xunta que non sexa consciente do potencial do bosque. "O monte coidado non arde, pero ten que estar incentivado", sostén.

Desde Fearmaga explican que a vinculación do galego co seu monte "esfumouse" coa urbanización. Moi a miúdo, esquécense as podas e as rozas, coa excepción da comarca de Ortegal, "estratéxica" dentro do sector forestal europeo, cun de cada catro traballadores vinculados directa ou indirectamente ao monte. Con todo, Ortigueira e os municipios limítrofes aínda non se sacudiron as secuelas do temporal. "Corremos o risco de perder moita masa forestal se acontece o peor. é un perigo, económico e ambiental", conclúen desde o sector.


Fonte da imaxe: ferroldenuncia.com