Mostrando entradas con la etiqueta movilizacións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta movilizacións. Mostrar todas las entradas

30/9/12

Os Comités de Empresa de SEAGA presentan a reportaxe QUEIMADOS

bombeirosforestais.blogspot.com
30/09/2012
Redacción

Os Comités de Empresa de SEAGA veñen de presentar unha reportaxe audiovisual sobre a situación laboral d@s trabajador@s contra incendios en Galiza baixo o título QUEIMADOS.

A curta, dunha duración aproximada de 17 minutos, amosa o traballo das brigadas de terra contratadas pola Xunta de Galicia para a extinción de incendios na comunidade. A través dunha breve introducción sobre a orixe dos lumes en Galiza e o día a día das brigadas contra incendios, pretende visibilizar as diferentes situacións ás que se enfronta este colectivo profesional. A curta remata cunha entrevista a un brigadista da empresa pública SEAGA que expón o conflicto laboral vivido polos traballadores este ano, ao tempo que aporta diferentes propostas de cara a unha mellora da súa situación laboral e das políticas forestais en Galiza.


21/9/12

Os traballadores contra incendios convocan unha manifestación en Compostela para o 29 de setembro

bombeirosforestais
21/09/2012
Redacción

A Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia convoca unha manifestación para o vindeiro sábado 29 de setembro en Compostela, para oporse á privatización do Servizo por parte da Xunta de Galicia e reclamar unha Mesa de Negociación para buscar solucións ao Servizo. A manifestación partirá da Estación de Trens de Compostela ás 11:30 da mañá. 

 

Os traballadores do dispositivo contra incendios da Xunta constitúense en Plataforma

bombeirosforestais
21/09/2012
Redacción

Os traballadores pertencentes ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, veñen de constituir unha Plataforma que aglutina á maior parte das organización sindicais e profesionais do sector, e ten como obxectivo principal a denuncia pública do desmantelamento que o actual goberno da Xunta de Galicia está a acometer no Servizo.

Segundo explican este ano tiveron entrada no servizo empresas plenamente privadas, que se suman ao desmantelamento planificado nestes últimos anos do servizo propio da Xunta de Galicia. Denuncian que a día de hoxe son 5 os instrumentos que a administración galega emprega no operativo de extinción (persoal da Xunta, da empresa pública SEAGA, de TRAGSA, de NATUTECNIA e dos concellos a través dos GRUMIR), cada un coas súas condicións laborais propias, sen que sexa posible que exista unha coordinación axeitada, e que o que pretende realmente a Xunta é dispor de man de obra barata sen dereitos laborais, sen experiencia e non profesional. Unha política totalmente irresponsable nun asunto tan complicado en Galicia como o dos incendios forestais, que segundo din renuncia de antemán a realizar unha política preventiva e forestal verdadeira do monte galego.

As demandas fundamentais da Plataforma céntranse nos seguintes aspectos:

1. A defensa dun Servizo Público, Único e Profesional de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. Non ás privatizacións do Servizo.

2. A contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso.

3. A profesionalización do dispositivo e eliminación do gasto da militarización dos nosos montes.

4. Por un Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios. Un traballo digno no que se fomente a prevención e a colaboración cos propietarios forestais para a conciliación de intereses como ferramenta contra os incedios forestais.

5. A apertura inmediata dunha Mesa de Negociación onde se busquen solucións ao Servizo.

A Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, fai un chamamento público á sociedade galega a apoiar esta iniciativa de racionalizar a situación do monte galego, e en especial anima ás diferentes organizacións e colectivos vencellados ao sector forestal e ao mundo rural a sumarse a esta Plataforma, e a apoiar as súas mobilizacións.

Sinalan ademais que o sector forestal é unha riqueza de todo o pobo galego, e debemos ser todos e todas nós quen o defendamos das erradas políticas dos diferentes gobernos galegos.

11/7/12

CIG-Servizos e Comités de Seaga demandarán a subrogación do persoal das brigadas helitransportadas en Natutecnia

CIG-Servizos
10/07/2012
Laboral


A Consellaría de Medio Rural e do Mar anunciou públicamente que os efectivos destinados este verán á prevención e extinción de incendios estaban compostos por un total de 5.689 brigadistas. Fronte a isto, a CIG-Servizos e representantes dos comités provinciais de Seaga desmentían esta mañá, en rolda de prensa, esas cifras asegurando que só están traballando, neste intre, un total de 2.000. “A Xunta está descaradamente mentindo e inflando datos”, afirmou Paulo Rubido.


En concreto, e segundo explicou o secretario nacional de CIG-Servizos, están contratados como fixos descontinuos, e traballando, 1.000 brigadistas na Xunta de Galiza e non os 1.500 que ésta dixo. “Os 1.500 son o total de postos de traballo que figuran na RPT, pero non están todos cubertos”, matizou.


En Seaga, xa están dados de alta na Seguridade Social os 500 previstos e a través de Natutecnia, para as brigadas helitransportadas, están xa contratados outros 150 traballadores e traballadoras. A eles sumaríanselles os 436 brigadistas que a Xunta ten previsto incorporar como fixos descontinuos, durante tres meses, como condutores motobombistas, emisoristas e vixiantes. O total sería, xa que logo, 2.000 traballadores/as e non os 5.689 que a Xunta afirmou.
A isto engadiu que o total de brigadistas contratados por Seaga “están cobrando, pero seguen na casa sen prestar traballo efectivo, porque a empresa non fixo acopio de material abondo para que puideran desenvolvera  súa actividade”.
Rubido lembrou que para a campaña do verán pasado os efectivos estaban compostos por 3.600 persoas, 1.800 contratados pola Xunta de Galiza e outros 1.900 por Seaga. Unha diferenza de 1.700 que evidencia, para Rubido, o “descontrol” desta campaña. “A Xunta, este ano, só pretende solucionar o problema laboral, porque todas as contratacións teñen que facerse baixo a modalidade de fixo descontinuo”, afirmou advertindo que agora, por mor das condicións climatolóxicas non está habendo problemas pero que “cando aparezan vaise poder comprobar que estamos en condicións semellantes a Valencia”.

Demandas preparadas contra Natutecnia
Ante este descontrol e tras efectivizarse as contratacións a través de Natutecnia, tanto os comités provincias de Seaga como a CIG-servizos exixiron á Xunta que aclare a forma baixo a que esta empresa está traballando e que explique como foi contratado o persoal. Advertiron a Natutecnia que lonxe de facer negocio nesta campaña, esta vai ser “a súa tumba económica” e anunciaron que a CIG xa iniciou unha campaña para a presentación de demandas reclamando a subrogación dos 150 traballadores/as que formaron parte, na pasada campaña, das brigadas helitransportadas.
A este respecto, Rubido denunciou que Natutecnia “evitou contratar a traballadores/as con experiencia” e asegurou que xa se está rematando de recoller a documentación necesaria para a presentación dun cento de demandas.
Do mesmo xeito alertou da pretensión da Xunta de reforzar os efectivos con contratacións de máis brigadistas a través da empresa Tragsa, que xa ten previsto realizar as probas físicas o vindeiro día 12 de xullo. “Porén”, afirmou, “descoñécese o número de brigadas, a súa composición e o número de traballadoras e traballadores”.
Ante este baile de empresas alertou das pretensións da Xunta de experimentar este ano con esta modalidade de contratacións, coa pretensión de acabar por privatizar a prevención e extinción de incendios. Por iso, fixo un chamamento a unificar esforzos entre o persoal de Seaga e o da Xunta de Galiza e anunciou que os de Seaga irán incrementando as mobilizacións ao longo da campaña.

21/6/12

SEAGA 20-X Compostela

bombeiroforestais.blogspot.com 
21/06/2012


Ante os incidentes rexistrados ao remate da manifestación en San Caetano @s traballador@s de SEAGA queremos manifestar que rexeitamos calquera tipo de acto violento que se puidese ter producido ao finalizar a protesta e que non ten nada que ver coas reinvindicacións lexítimas d@s traballador@s. 

@s brigadistas de SEAGA que se manifestaron onte en Compostela, nin levabamos a cara agochada, nin iamos encapuchados, nin portabamos "tirachinas", nin ningún outro obxecto que puidese ter sido empregado contra as instalacións de San Caetano, tal e como algúns medios sensacionalistas publicaron no día de hoxe.

Lamentamos, en todo caso, os danos ocasionados tanto ao persoal da propia Xunta como ás instalacións administrativas e expresamos a nosa total repulsa e desvencellamento de calquera acto violento que puidese ter sido realizado a nivel individual.

Sinalar ademais que de continuar coa privatización ilegal do reforzo do dispositivo contraincendios forestais da Xunta de Galiza, as mobilizacións irán a máis nos vindeiros días e meses, en tanto a Xunta non sexa quen de xestionar unha campaña de verán que segundo as previsións meteorolóxicas apuntan, non serán moi favorables para os nosos montes. 

 O lume non se apaga, con precariedade. 


 O monte a monte, e nós desempregad@s 


 SEAGA SOLUCIÓN!!

19/6/12

Traballadoras e traballadores de Seaga inician novas mobilizacións cunha manifestación o vindeiro mércores día 20 de xuño

CIG - Servizos
18/6/2012
Compostela

A 12 días do comezo do período de alto risco, a Xunta de Galiza aínda non fixo público o Pladiga 2012. Isto é, a esta alturas descoñécese cal será o dispositivo de prevención e extinción de incendios deste verán. Así o denunciaba esta mañá, en rolda de prensa, o secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, quen considera que este ocultismo obedece á decisión da administración de evitar a contratación de persoal que poida reclamar a súa condición de fixo descontinuo. Ante esta situación, o persoal de Seaga ten convocada unha manifestación para o vindeiro mércores, día 20 de xuño, con saída ás 11:00 horas da Estación de Tren.



Rolda de prensa d@s traballador@s, onte na sede da CIG de Compostela. 

Ao remate da campaña de extinción do ano pasado, a CIG fixo pública a primeira sentenza do Tribunal Supremo pola que se recoñecía a condición de fixos descontinuos que tiñan que ter todos os traballadores da empresa pública Seaga que traballaban na campaña de prevención e extinción de incendios forestais. Unha sentenza que reproducía outras anteriores do alto tribunal respecto de servizos de extinción doutras comunidades ás que xa se lles indicara que toda a contratación tiña que ser baixo esta modalidade e que o contrato por obra era ilegal.
Coincidindo coa publicación desa sentenza, outros 228 traballadores/as interpuxeron demandas contra a empresa pública Seaga que, segundo Rubido, van rematar co recoñecemento da súa condición de fixos descontinuos.
Pero as contratacións eventuais non se fan só a través de Seaga.  Para os medios propios da Xunta de Galiza, o Pladiga, a administración autonómica contrata todos os anos a 500 traballadores/as das categorías de condutor motobomba, emisorista e vixilante de torreta. Destes 500 traballadores 20, cando menos, presentaron reclamación o ano pasado, gañaron e houbo que crear as súas prazas na propia administración.
Para o secretario nacional de CIG-Servizos esta sería a razón do “ocultismo” da Xunta; da decisión de limitar as contratacións a través de Seaga para esta campaña (dos 2.300 contratos habituais, o ano pasado pasaron a 1.800 e este ano a tan só 500)  e de buscar fórmulas alternativas para completar o operativo -que, en todo caso, sería inferior ao de anos anteriores- a través de empresas como Natutecnia ou, segundo as últimas informacións ás que tiveron acceso, de Tragsa.
“Están poñendo en perigo o propio dispositivo e a este país coa definición do operativo que están facendo”, denunciou, advertindo que os 500 contratados de Seaga van ter a condición de fixos descontinuos. Nese sentido, explicou que unha parte xa gañaron na vía xudicial e ao resto vannos converter en interinos. Sinalou que Seaga publicou na súa páxina web o listado de interinos/as e que a CIG comprobará a súa legalidade, “porque temos enormes dúbidas de que unha lista de traballadores eventuais se poida converter, por arte de maxia, nunha lista de contratación interina na que eses 500 van ser os que ocupen esa praza até que se realice un concurso oposición”.
Natutecnia
Até o de agora a Xunta contrataba todos os anos, cunha empresa, o servizo de helicópteros e as brigadas que transportaban eran, ou persoal propio da administración, ou persoal de Seaga. Polo que puido saber a CIG-Servizos, para esta campaña as brigadas helitransportadas serán contratadas a través de Natutecnia, que xa colgou a semana pasada, na súa páxina web, unha oferta de emprego para peóns, peóns especialistas e xefes de brigada. E non só iso, xa ten fixada a data na que se realizarán as probas físicas.
A CIG-Servizos denuncia que esta empresa ten a consigna de contratar a xente sen experiencia para evitar que se produzan posteriores reclamacións. Ante isto, Paulo Rubido afirma que “quen traballe en Natutecnia tamén ten que ter contrato fixo descontinuo”, pero que o que se lle vai realizar é contrato por obra.
O operativo previsto é de entre 150 e 200 traballadores, que cubrirán as bases que estaba cubrindo Seaga. “Esta central sindical ten moi claro que é cesión ilegal e así o vai demandar e entendemos que o persoal que traballou en campañas anteriores en brigadas helitransportadas en Seaga pode exercer o seu dereito a reclamar exixindo a subrogación desta empresa dado que o servizo que se ía facer con anterioridade é o mesmo que se vai facer agora”.
De feito, anunciou que a CIG vai animar aos traballadores de Seaga que formaron parte das brigadas helitransportadas e que este ano non van ser chamados por Natutecnia, a que inicien as accións legais correspondentes tanto contra esta empresa como contra Seaga.
Redución do operativo
O secretario nacional de CIG-Servizos denunciou tamén “a irresponsabilidade política” que supón reducir o operativo, xa que segundo a información da que dispoñen, baixan as brigadas de 5 traballadores a 4, cun tope de 7 brigadas por distrito, cando en anos anteriores había, nos distritos conflitivos, até 24 brigadas, para atender as continxencias da campaña de extinción. “Se nun distrito se baixa de 24 brigadas a sete, e cada unha destas de 5 a 4 persoas dá para, cubrindo quendas, ter unha brigada para cada distrito, cun reforzo de mañá ou de tarde. Un total de 8 persoas. Se alguén pensa que con 8 traballadores nun distrito se pode facer fronte a unha mínima situación de risco que haxa no país é que non ten nin idea de como funciona o servizo de extinción de incendios”.
A CIG-Servizos tamén tivo información de que se pretende reducir a contratación do Pladiga, ou sexa, dos medios propios da Xunta de Galiza, eliminando os vixilantes de torreta e derivando parte do traballo dos emisoristas a Natutecnia, alén de facer unha contratación de mínimos de condutores de motobomba. “Novamente a administración o que está planificando e prevendo é o mínimo gasto, coa mínima praza fixa creada e non a situación de risco que se pode dar”.
Tragsa
Alén de Natutecnia, CIG-Servizos tamén tivo coñecemento “a través da rumoroloxía que promove o director xeral, co seu ocultismo”, de que a Xunta de Galiza está valorando reforzar as brigadas, “porque sabe que non lle chega este operativo de mínimos e que esta contratación se realice a través de Tragsa”.
Para Rubido, tanto a contratación de Natutecnia como a de Tragsa, de facerse efectiva, serían de dubidosa legalidade xa que non existe ningunha vinculación contractual ou resolución da consellaría que determine a adxudicación dese servizo. “A CIG ten previsto seguir este tema legalmente porque terán que explicar cales son as condicións de excepcionalidade que xustifican estes contratos sen sacalos a concurso público”. Por iso, tampouco descarta emprender accións legais a este respecto.
Propostas alternativas
Ante esta situación e nunha xuntanza coa conselleira, a CIG-Servizos presentou a proposta de estabelecer unha mesa de negociación para atopar unha solución de carácter definitivo para o servizo de extinción, entendendo que ningunha administración se pode permitir ter a case 4.000 traballadores eventuais contratados todos os veráns simplemente para apagar lumes. “Somos plenamente conscientes do elevado custo económico que supón isto” explicou Rubido, quen sinalou que para evitar que se dea unha situación semellante o normal é reducir o servizo.
Porén, esa redución tería que pasar, necesariamente, pola ordenación forestal do país, para logo limitar o dispositivo habitual, de 2.300 traballadores de Seaga contratados  2-3 meses no verán, a 1.400 traballadores nos meses pico. Deses, a CIG-Servizos propoñía que 700 traballaran máis de tres meses, realizando tarefas de prevención, adecuación de pistas forestais, preparación de pozas de auga, de puntos de auga, desbroce directo de cunetas, zonas críticas e demais.
Entramado operativo
A proposta non só non foi atendida pola administración, senón que foi substituída por un operativo -do que responsabiliza ao director xeral Tomás Fernández Couto- que o secretario nacional de CIG-Servizos definiu como “peculiar”, co único obxectivo de evitar a contratación pola vía estabelecida polo Supremo.
Un operativo que obrigará a coordinar aos medios propios da Xunta, de Seaga, de Natutecnia, de Tragsa -se finalmente se confirma que optan tamén por esta empresa- e dos concellos que contan con medios propios. “Estamos no escenario dunha campaña na que, no canto de simplificar, regularizar e ordenar isto, que sería o que tería que facer unha administración responsábel o que se fai é fraccionar o servizo, complicalo máis e facer practicamente imposíbel unha mínima previsión de planificación, e todo isto na escuridade, con alevosía, enganando, mentindo ou non dicindo que é a peor das mentiras”.
Diante deste despropósito, os traballadores de Seaga anunciaron que non permitirán, baixo ningunha circunstancia, que a Xunta privatice o servizo de extinción de incendios. Rubido advertiu ademais que, “se pensa que desta forma vai evitar a nosa actuación sindical están moi equivocados”.
Mobilizacións
Alén das accións legais que se barallan, teñen convocada unha manifestación o mércores 20 con saída ás 11:00 horas da estación do tren. Manifestación que coincidirá coa data na que se celebren as probas teóricas de xefe de brigada e de capataz de Seaga e as probas físicas dos traballadores que se presentan á convocatoria de Natutecnia.
O secretario nacional de CIG-Servizos asegura que se trata dun intento da administración de rebentar a manifestación e afirma que, pola contra, “ese día Compostela terá a máis traballadores do sector forestal que calquera outro e habilitaremos fórmulas para poder compatibilizar a súa participación nas probas e na manifestación”.
Advirte ademais que as mobilizacións non se quedarán aí e que “a vontade e firmeza dos traballadores de Seaga, na loita por un servizo público de prevención e extinción de incendios forestais vai continuar adiante con todas as consecuencias”. Por iso, recomendou ao presidente da Xunta que mirara a loita dos mineiros asturianos, porque, dixo “esa é a situación que se pode atopar aquí o goberno da Xunta se non dá unha solución a Seaga”.

15/6/12

COMUNICADO D@S TRABALLADOR@S DE SEAGA PARA A MANIFESTACIÓN DO 20 DE XUÑO

Comités de Empresa de SEAGA
15/06/2012

Neste tempo de incertidume, inseguranza e dúbidas temos ante nós unha nova campaña de verán. Vimos de experiencias traumáticas para o noso monte. Desde o inverno houbo 16.000 Ha. queimadas en menos de 6 meses e espazos protexidos destruidos (Xurés, Invernadoiro, Fragas do Eume), sen que a Xunta contratase persoal, nin de prevención, nin de extinción, nin de rexeneración. Produciuse a morte do compañeiro Hixiño cando traballaba na extinción dun lume, e lembrámonos tamén de Xulio e Rodrigo, compañeiros nosos de SEAGA. Como sabedes o camiño andado até aquí foi longo e cheo de atrancos. Se recapitulamos, som moitos anos de loita contra o lume e contra as condicións laborais que vimos sufrindo os traballadores e as traballadoras de SEAGA. Queimados, vimos dicer abonda! 

Denunciamos a irracionalidade do actual modelo forestal que esquece os servizos ambientais e sociais do monte e da biodiversidade, que fomenta os monocultivos e que permite a proliferación de especies pirófitas, como consecuencia da miopía dun sistema de loita contra o lume que segue primando a extinción e o desbaldimento de recursos en lugar de investir en prevención. 

Tememos porque se perda unha xeración de persoal do servizo de prevención e extinción contraincendios con experiencia e coñecementos. Tememos porque este servizo non sexa estábel. Tememos porque este servizo sexa privatizado. Ano após ano, somos unha poeira que a leva o vento do goberno que xestiona o servizo. 

Após 228 denuncias de traballadores e traballadoras de SEAGA contra a fraude do sistema de contratación, fundamentadas por sentenzas do Tribunal Supremo, a empresa segue a ofrecer mais precariedade, inseguranza e disminución do servizo, reducindo irresponsabelmente os meios na loita contra os incendios. 

Reclamamos uns servizos unificados e públicos polas listas da Xunta de Galiza, cunha valoración obxectiva da experiencia, recoñecéndose aos traballadores e traballadoras de SEAGA o tempo traballado. Reclamamos un convenio que regule o sector recollendo as necesidades específicas dos e das traballadoras. No caso de continuarmos en SEAGA, reclamamos un convenio própio que regule o persoal, tempo de traballo, funcións dos postos,... así como un número de postos de traballo que se corresponda coas necesidades reais do servizo, e non eses ridículos 500 postos estimados pola Xunta. E reclamamos tamén a retirada da Unidad Militar de Emergencias e das patrullas do Ejercito de Tierra das labouras contraincendios forestais. 

Queremos un rural vivo, que fixe poboación que se asente no rural para aproveitaren os recursos que ofrece o monte, respectando os seus ritmos biolóxicos, promovendo a prantación de árbores autóctonas e unha xestión forestal que integre as tres funcións básicas do monte (ambiental, productiva e de uso social ) e procure o aproveitamento múltiple do monte (madeira, gando, froitos e cogomelos, etc.) 

Pedimos a derogación da nova Lei de Montes porque achegará o lume ás casas reducindo as faixas de protección de 100 metros a 50; limitando a capacidade de xestión e decisión das comunidades de montes; e que ten unha visión productivista do monte galego primando o uso exclusivamente madeireiro; e que permitirá grandes extensións de monocultivo de especies, o que supón unha clara regresion na xestión forestal. 

Apelamos á unidade dos traballadores e das traballadoras de SEAGA, á participación nas asembleas e a loitar polos seus dereitos e por un monte sostíbel. 

O MONTE QUEIMADO E NÓS NO PARO. 

O MONTE A MONTE E NÓS NA CASA. 

SEAGA SOLUCIÓN!

13/6/12

SEAGA - CAMPAÑA CONTRAINCENDIOS FORESTAIS DE GALIZA 2012

bombeirosforestais.blogspot.com
14/06/2012


SEAGA SOLUCIÓN XA!!





É O NOSO MOMENTO, É A NOSA OPORTUNIDADE!


ANÓTATE NOS AUTOBUSES QUE SAIRÁN DESDE A TÚA COMARCA:

Ferrol: 981358750 / 663075082  A Coruña: 981169293 / 981169894 / 646597051    
Verín: 988412345  Ourense: 988233134 / 607936734      
Vigo: 986827945 / 986827900 / 630893184
Pontevedra: 986852950 / 672295227      Lugo: 982225812 / 676249840

Manifestación en Compostela d@s traballador@s de SEAGA

Confederación Intersindical Galega
12/06/2012
Compostela


A TOD@S @S TRABALLADOR@S DE SEAGA

Como seguramente xa sabedes, e a raíz das demandas presentadas por 228 traballador@s de SEAGA no remate da campaña pasada, reclamando a súa condición de fixos discontinuos, por primeira vez desde a posta en marcha desta empresa podemos dicir que se rematou a contratación eventual. Este primeiro paso, imprescindible para poder conseguir unhas mínimas condicións de traballo, vén ensombrecido pola decisión de reducir o operativo de extinción en máis de 1300 postos de traballo a respecto do ano pasado, xa que a Xunta inicialmente só ten previsto realizar 500 contratacións de persoal de terra, en 125 brigadas de 4 traballador@s cada unha delas.

Queda claro que desde a Consellería do Medio Rural, sabedores que todas as prazas que convoquen teñen que ser indefinidas, pretenden que o número de fixos nesta empresa sexa o mínimo posible, aínda que sexa a costa de montar un dispositivo a todas luces insuficiente e que pode provocar situacións de alto risco tanto para @s traballador@s do Servizo como para a poboación en xeral.

Igualmente, e agardando por coñecer o PLADIGA deste ano, que confirmará as peores previsións de falta de persoal, a situación xeral é de extraordinaria confusión, non sabendo nin eles mesmos como solucionar situación que seguramente se van dar. A pesar da disposición dos Comités de Empresa a negociar toda esta situación, que é responsabilidade deles, tedes que saber que non aceptaron nin unha soa das nosas propostas, e que polo tanto todo o que vai acontecer é decisión unicamente da Consellería do Medio Rural e a dirección da empresa.

Desde os Comités de Empresa fixemos unha proposta de 100 traballador@s fixos todo o ano, 150 fixos de helitransportadas de 7 meses, 100 fixos de terra de 7 meses, 350 fixos de terra de 3 meses, e 700 contratacións eventuais de 3 meses para o verán á espera de concretar definitivamente a estrutura da empresa, e prevendo así 1400 contratad@s na campaña de verán, na vez das 500 ofertadas pola empresa.

A esta proposta dixeron que non.

Para tentar aclarar ao máximo posible o caos que vai ser esta campaña, ímosvos indicar o que sabemos polo que a empresa nos dixo de palabra e que se vai confirmando, e que xa informamos nas asambleas que fixemos a semana pasada:
- Este ano SEAGA non vai levar as brigadas helitransportadas. Non sabemos se as levarán por Natutecnia (empresa privada) ou a propia Xunta.
- O tempo garantido son para esta campaña 2 meses e medio con posibilidade de 3 meses.
- As brigadas serán de 4 traballador@s, 1 xefe de brigada, 1 peón especialista e 2 peóns.
- @s denunciantes do ano pasado con sentenza firme (58 en total), entran directamente a ocupar praza.
- Aos/as 442 traballador@s deste ano que entrarán por lista se lles fará un contrato de interinidade, co cal ocupan praza até que se faga un concurso oposición (previsto para o ano 2013).
- Teñen intención de extinguir os contratos de interinidade cando @s restantes demandantes (170 en total) teñan sentenza firme. Isto é ilegal, e entendemos que se a alguén lle pasa isto pode reclamar, e con probabilidades de gañar praza.
- Tod@s @s demandantes con sentenza recorrida poden solicitar execución de sentenza e reclamar salarios aínda que non os chamen a traballar.
- @s demandantes á espera de xuízo ou sentenza, entendemos que deben reclamar os salarios desde que se inicie esta campaña.
- Non teñen previsto realizar contratacións temporais vía Xunta de Galiza.
- Están calculando xa o equipo de técnic@s e administrativ@s de SEAGA, co cal todo parece indicar que SEAGA se consolida, e vai seguir traballando, incluso para outras Consellerías (traballos de control de pragas, rexeneración de praias, etc.)
- Xa anunciaron publicamente que vai haber máis contratacións que as 500 a través de SEAGA este ano. Simplemente, estes desgraciados da Consellería pretenden aforrar. Sacan un dispositivo de mínimos, e se a cousa se complica, contratarán máis reforzo.

Tal e como está a situación, desde os Comités de SEAGA temos claro que se este ano somos quen de facer máis presión, tendo en conta que as eleccións autonómicas son inminentes no tempo, é moi posible que consigamos un número de prazas que se aproxime ao que pedimos. Cada praza que saquen a maiores, ou que gañemos no xulgado, é unha praza máis fixa que teremos no concurso oposición do ano 2013.

Por todo isto, propoñémosvos:

MANIFESTACIÓN NACIONAL D@S TRABALLADOR@S DE SEAGA EN COMPOSTELA

Mércores 20 de xuño, ás 11 da mañá desde a Estación de Trens de Compostela

É O NOSO MOMENTO, É A NOSA OPORTUNIDADE!


ANÓTATE NOS AUTOBUSES QUE SAIRÁN DESDE A TÚA COMARCA:

Ferrol: 981358750 / 663075082  A Coruña: 981169293 / 981169894 / 646597051    
Verín: 988412345  Ourense: 988233134 / 607936734      
Vigo: 986827945 / 986827900 / 630893184
Pontevedra: 986852950 / 672295227      Lugo: 982225812 / 676249840

28/9/10

8-O Compostela


18/11/09

Os bombeiros forestais de Galiza convocan unha concentración en San Caetano na defensa do servizo público

Vimos de ter noticia de que Apropiga convoca para o vindeiro
mércores 25 de Novembro as 11 horas en San Caetano
(Santiago de Compostela), diante da Conselleria de Medio Rural
unha concentración:

- Pola estabilidade dos traballadores fixos discontinuos
despedidos.
NON á suplantación por traballadores da ETT SEAGA S.A.

- Pola volta ao PLADIGA e ás contratacións a través do
decreto 37/2006.

- Por unha política eficiente de prevención de incendios
forestais.
POLA DEFENSA DOS NOSOS MONTES.

Para máis información sobre a mesma podedes acudir ao
foro da
Asociación Apropiga


11/6/09

As catro forzas sindicais do SPDCIF convocan para o día 17 unha manifestación en Compostela pola defensa do Plan PLADIGA

Manifesto conxunto pola defensa do Plan de Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia PLADIGA:

CCOO, CIG, CSIF e UGT, esixen que o goberno do Partido Popular cumpra o seu Programa Electoral no relativo aos compromisos adquiridos co Servicio Público de Prevención, Defensa e Extinción de Incendios Forestais de Galicia (SPDCIF) e PLADIGA: mando único, reforzamento do caracter público do servicio e contratacións do persoal polas listas públicas e oficiais da Xunta de Galicia.

CIG, CSIF, UGT e CCOO rexeitan a decisión do novo goberno de seguir empregando SEAGA en determinadas xestións e actuacións de PREVENCIÓN, DEFENSA e EXTINCIÓN de INCENDIOS FORESTAIS no 2009.

CSIF, UGT, CCOO e CIG, lamentan e rexeitan que o goberno do Partido Popular decidira incumprir o seu propio Programa Electoral contratando o operativo do Reforzo de Verán de 2009 a través de SEAGA cando prometeran o contrario.

UGT, CCOO, CIG e CSIF infórmanlle á opinión pública que esta decisión do Partido Popular ocasiona graves prexuízos operativos para o SPDCIF, impide a contratación de centos de traballadores experimentados que integran actualmente as Listas Públicas de Contratacións Temporais da Xunta de Galicia (PLADIGAs)

CCOO, CSIF, UGT e CIG denuncian que coa contratación dos traballadores do reforzo de verán de 2009 ó marxe das Listas Públicas, favorécese:
• O oscurantismo fronte á transparencia nas contratacións do persoal.
• A precariedade laboral fronte á profesionalización.
• O incumprimento electoral fronte ao compromiso cos cidadáns e cos traballadores do SPDCIF e PLADIGA.

CIG, UGT, CCOO e CSIF advirten que seguirán combatendo esta decisión incoherente e inxustificada coas mobilizacións e medios legais que sexan precisos ata conseguir que o goberno cumpra os seus compromisos.

CCOO, CSIF, CIG e UGT ESÍXENLLE Ó PARTIDO POPULAR O CUMPRIMENTO DO SEU PROGRAMA ELECTORAL:

• REFORZAMENTO do CARÁCTER PÚBLICO do Servizo de Prevención, Defensa e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF).

• CONTRATACIÓN de tódolos traballadores de Prevención, Defensa e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF e PLADIGA) a través das Listas Oficiais de Contratacións da Xunta de Galicia.

19/5/09

Baticinios de Folga en Seaga

Xuntanza das catro OO.SS. con representación en SEAGA sobre medidas a tomar en base á resposta do Secretario Xeral de Medio Rural na xuntanza do venres 15 de maio de 2009.

Recordamos os argumentos do Secretario de Medio Rural Jorge Atán Castro polos cales non se pode cumprir o acordo firmado o 23 de marzo co director-xerente de SEAGA: “problema de laboralidade e de fixeza que non se vai a sobrepasar e permitir”. “Os contratos que están en risco de indefinición non se poden manter”. Iso sería vulnerar a legalidade (Lei 10/1996).

Os sindicatos CUT e CIG, plantexan movilizacións e quizais peches como "solucións do conflicto".

Desde CCOO valorarase, cal é a opinión dos traballadores ó respecto nas asambleas de traballadores que serán convocadas en cada unha das catro provincias. En Lugo quedou fixada para o venres 22 de maio ás 5 da tarde nos locais dos sindicatos na Rolda da Muralla. En Ourense para ó mesmo día, e na Coruña para o luns 25. Comunicarase previamente ós traballadores.

Ademáis é necesario un diálogo previo entre tódolos delegados de CCOO das catro provincias, emprazando esta xuntanza de grupo de traballo para o venres 22 nos locais de CCOO en San Lázaro (Santiago de Compostela).

Dende CCOO valorarase e estudarase o que se considere mellor para os traballadores, xa que pode haber máis vías de solucións ademáis das movilizacións e os peches.