11/6/09

As catro forzas sindicais do SPDCIF convocan para o día 17 unha manifestación en Compostela pola defensa do Plan PLADIGA

Manifesto conxunto pola defensa do Plan de Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia PLADIGA:

CCOO, CIG, CSIF e UGT, esixen que o goberno do Partido Popular cumpra o seu Programa Electoral no relativo aos compromisos adquiridos co Servicio Público de Prevención, Defensa e Extinción de Incendios Forestais de Galicia (SPDCIF) e PLADIGA: mando único, reforzamento do caracter público do servicio e contratacións do persoal polas listas públicas e oficiais da Xunta de Galicia.

CIG, CSIF, UGT e CCOO rexeitan a decisión do novo goberno de seguir empregando SEAGA en determinadas xestións e actuacións de PREVENCIÓN, DEFENSA e EXTINCIÓN de INCENDIOS FORESTAIS no 2009.

CSIF, UGT, CCOO e CIG, lamentan e rexeitan que o goberno do Partido Popular decidira incumprir o seu propio Programa Electoral contratando o operativo do Reforzo de Verán de 2009 a través de SEAGA cando prometeran o contrario.

UGT, CCOO, CIG e CSIF infórmanlle á opinión pública que esta decisión do Partido Popular ocasiona graves prexuízos operativos para o SPDCIF, impide a contratación de centos de traballadores experimentados que integran actualmente as Listas Públicas de Contratacións Temporais da Xunta de Galicia (PLADIGAs)

CCOO, CSIF, UGT e CIG denuncian que coa contratación dos traballadores do reforzo de verán de 2009 ó marxe das Listas Públicas, favorécese:
• O oscurantismo fronte á transparencia nas contratacións do persoal.
• A precariedade laboral fronte á profesionalización.
• O incumprimento electoral fronte ao compromiso cos cidadáns e cos traballadores do SPDCIF e PLADIGA.

CIG, UGT, CCOO e CSIF advirten que seguirán combatendo esta decisión incoherente e inxustificada coas mobilizacións e medios legais que sexan precisos ata conseguir que o goberno cumpra os seus compromisos.

CCOO, CSIF, CIG e UGT ESÍXENLLE Ó PARTIDO POPULAR O CUMPRIMENTO DO SEU PROGRAMA ELECTORAL:

• REFORZAMENTO do CARÁCTER PÚBLICO do Servizo de Prevención, Defensa e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF).

• CONTRATACIÓN de tódolos traballadores de Prevención, Defensa e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF e PLADIGA) a través das Listas Oficiais de Contratacións da Xunta de Galicia.