27/5/09

Denuncian que o chiringuito de SEAGA segue engordando con novas contratacións

ourensedixital.com
27/05/2009

O novo Goberno da Xunta está incumprindo o seu propio programa electoral das pasadas Autonómicas, denuncia o sindicato Comisións Obreiras que asegura que, por exemplo, o “chiringuito” de SEAGA “segue engordando con máis contratacións fraudulentas”.

O sindicato volve a insistir na necesidade de reducir as atribucións e capacidades que o anterior conselleiro de Medio Rural, o nacionalista Suárez Canal, conferiu a esta Sociedade creada durante o seu mandato, e, por contra, a necesidade de reforzar o carácter público do Servizo de Defensa contra Incendios Foretais, o SPDCIF, que integran traballadores da Xunta de Galicia.

O responsable de Administración Autonómica de CC.OO. de Galicia, Emilio Doforno, incide en que o titular de Medio Rural debe proceder ao cesamento inmediato do xerente de SEAGA “pola súa ineptitude na xestión e polo grave incumprimento do acordo asinado coas organizacións sindicais ou 23 de marzo deste ano”. Neste sentido, CC.OO. pide á Consellería que se cumpra devandito acordo.

Tamén se expón que todas as contratacións de persoal deste Servizo para a Tempada de Alto Risco do ano en curso, se realicen tendo en conta as Listas Públicas da Xunta, e que se convoque “coa máxima urgencia” ás organizacións sindicais para negociar e acordar como reforzar o carácter público que debe seguir tendo este Servizo.

A organización sindical non descarta chegar a convocar mobilizacións “se a Consellería de Medio Rural non atende estas esixencias”, e advirte que, de ocorrer, iniciará unha campaña informativa que desembocará, chegado o momento, en mobilizacións conxuntas “en defensa do carácter público do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais”.