11/8/12

Brigadistas de vacacións namentras os incendios forestais asolan Galicia


bombeirosforestais.blogspot
11/08/2012
Redacción

As empresas encargadas de xestionar o dispositivo contraincendios en Galicia envían aos seus traballadores de vacacións en pleno mes de agosto e cun alto risco de incendio forestal.

Membros das brigadas de reforzo de verán que loitan contra o lume en Galiza están estes días de vacacións. Esta decisión foi tomada polas empresas SEAGA, TRAGSA e NATUTECNIA encargadas de xestionar as brigadas de reforzo contraincendios forestais para a campaña de verán, por orde da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Brigadistas de vacacións
Con temperaturas por riba dos 30 graos e varios incendios activos en toda a comunidade galega, algúns declarados de nivel 1 (con risco para persoas e casas), a Consellería do Medio Rural decidiu enviar de vacacións a moitas das brigadas contraincendios contratadas para o reforzo de verán. Este feito contrasta coas políticas practicadas pola Xunta en campañas anteriores cando o período vacacional dos brigadistas se deixaba para os derradeiros días da campaña de incendios, normalmente a finais do mes de setembro.


O feito de que en plena campaña de incendios haxa persoal contraincendios de vacacións ligado ás altas temperaturas que están a asolar o país, e a reducción de máis de 1.000 efectivos na loita contra o lume, está convertindo pequenos incendios en grandes lumes forestais con risco para a vida das persoas e casas.

Incendios
No incendio que ata o momento leva arrasadas preto de 1.000 hectáreas no concello ourensán do Barco de Valdeorras, arderon cinco vivendas e houbo tres feridos dous deles hospitalizados. Arestora o lume avanza sen control hacia o concello ourensán de Rubiá onde xa foron desaloxados das súas casas os veciños de varias aldeas. A este incendio hai que sumar outros rexistrados nas últimas horas noutros concellos de Ourense que calcinaron algo máis de 500 hectáreas.
Tamén na provincia de Lugo déronse por controlados dous incendios que afectaron aos concellos de Friol e Navia de Suarna.