10/07/2012
Laboral
A Consellaría de Medio Rural e do Mar anunciou públicamente que os efectivos destinados este verán á prevención e extinción de incendios estaban compostos por un total de 5.689 brigadistas. Fronte a isto, a CIG-Servizos e representantes dos comités provinciais de Seaga desmentían esta mañá, en rolda de prensa, esas cifras asegurando que só están traballando, neste intre, un total de 2.000. “A Xunta está descaradamente mentindo e inflando datos”, afirmou Paulo Rubido.
En concreto, e segundo explicou o secretario nacional de CIG-Servizos, están contratados como fixos descontinuos, e traballando, 1.000 brigadistas na Xunta de Galiza e non os 1.500 que ésta dixo. “Os 1.500 son o total de postos de traballo que figuran na RPT, pero non están todos cubertos”, matizou.
En concreto, e segundo explicou o secretario nacional de CIG-Servizos, están contratados como fixos descontinuos, e traballando, 1.000 brigadistas na Xunta de Galiza e non os 1.500 que ésta dixo. “Os 1.500 son o total de postos de traballo que figuran na RPT, pero non están todos cubertos”, matizou.
En Seaga, xa están dados de alta na Seguridade Social os 500 previstos e a través de Natutecnia, para as brigadas helitransportadas, están xa contratados outros 150 traballadores e traballadoras. A eles sumaríanselles os 436 brigadistas que a Xunta ten previsto incorporar como fixos descontinuos, durante tres meses, como condutores motobombistas, emisoristas e vixiantes. O total sería, xa que logo, 2.000 traballadores/as e non os 5.689 que a Xunta afirmou.
A isto engadiu que o total de brigadistas contratados por Seaga “están cobrando, pero seguen na casa sen prestar traballo efectivo, porque a empresa non fixo acopio de material abondo para que puideran desenvolvera súa actividade”.
Rubido lembrou que para a campaña do verán pasado os efectivos estaban compostos por 3.600 persoas, 1.800 contratados pola Xunta de Galiza e outros 1.900 por Seaga. Unha diferenza de 1.700 que evidencia, para Rubido, o “descontrol” desta campaña. “A Xunta, este ano, só pretende solucionar o problema laboral, porque todas as contratacións teñen que facerse baixo a modalidade de fixo descontinuo”, afirmou advertindo que agora, por mor das condicións climatolóxicas non está habendo problemas pero que “cando aparezan vaise poder comprobar que estamos en condicións semellantes a Valencia”.
Demandas preparadas contra Natutecnia
Ante este descontrol e tras efectivizarse as contratacións a través de Natutecnia, tanto os comités provincias de Seaga como a CIG-servizos exixiron á Xunta que aclare a forma baixo a que esta empresa está traballando e que explique como foi contratado o persoal. Advertiron a Natutecnia que lonxe de facer negocio nesta campaña, esta vai ser “a súa tumba económica” e anunciaron que a CIG xa iniciou unha campaña para a presentación de demandas reclamando a subrogación dos 150 traballadores/as que formaron parte, na pasada campaña, das brigadas helitransportadas.
A este respecto, Rubido denunciou que Natutecnia “evitou contratar a traballadores/as con experiencia” e asegurou que xa se está rematando de recoller a documentación necesaria para a presentación dun cento de demandas.
Do mesmo xeito alertou da pretensión da Xunta de reforzar os efectivos con contratacións de máis brigadistas a través da empresa Tragsa, que xa ten previsto realizar as probas físicas o vindeiro día 12 de xullo. “Porén”, afirmou, “descoñécese o número de brigadas, a súa composición e o número de traballadoras e traballadores”.
Ante este baile de empresas alertou das pretensións da Xunta de experimentar este ano con esta modalidade de contratacións, coa pretensión de acabar por privatizar a prevención e extinción de incendios. Por iso, fixo un chamamento a unificar esforzos entre o persoal de Seaga e o da Xunta de Galiza e anunciou que os de Seaga irán incrementando as mobilizacións ao longo da campaña.