21/9/12

Os traballadores do dispositivo contra incendios da Xunta constitúense en Plataforma

bombeirosforestais
21/09/2012
Redacción

Os traballadores pertencentes ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, veñen de constituir unha Plataforma que aglutina á maior parte das organización sindicais e profesionais do sector, e ten como obxectivo principal a denuncia pública do desmantelamento que o actual goberno da Xunta de Galicia está a acometer no Servizo.

Segundo explican este ano tiveron entrada no servizo empresas plenamente privadas, que se suman ao desmantelamento planificado nestes últimos anos do servizo propio da Xunta de Galicia. Denuncian que a día de hoxe son 5 os instrumentos que a administración galega emprega no operativo de extinción (persoal da Xunta, da empresa pública SEAGA, de TRAGSA, de NATUTECNIA e dos concellos a través dos GRUMIR), cada un coas súas condicións laborais propias, sen que sexa posible que exista unha coordinación axeitada, e que o que pretende realmente a Xunta é dispor de man de obra barata sen dereitos laborais, sen experiencia e non profesional. Unha política totalmente irresponsable nun asunto tan complicado en Galicia como o dos incendios forestais, que segundo din renuncia de antemán a realizar unha política preventiva e forestal verdadeira do monte galego.

As demandas fundamentais da Plataforma céntranse nos seguintes aspectos:

1. A defensa dun Servizo Público, Único e Profesional de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. Non ás privatizacións do Servizo.

2. A contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso.

3. A profesionalización do dispositivo e eliminación do gasto da militarización dos nosos montes.

4. Por un Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios. Un traballo digno no que se fomente a prevención e a colaboración cos propietarios forestais para a conciliación de intereses como ferramenta contra os incedios forestais.

5. A apertura inmediata dunha Mesa de Negociación onde se busquen solucións ao Servizo.

A Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, fai un chamamento público á sociedade galega a apoiar esta iniciativa de racionalizar a situación do monte galego, e en especial anima ás diferentes organizacións e colectivos vencellados ao sector forestal e ao mundo rural a sumarse a esta Plataforma, e a apoiar as súas mobilizacións.

Sinalan ademais que o sector forestal é unha riqueza de todo o pobo galego, e debemos ser todos e todas nós quen o defendamos das erradas políticas dos diferentes gobernos galegos.