9/3/12

COMUNICADO NA DEFENSA DA DIGNIDADE LABORAL DOS TRABALLADORES DA EMPRESA PÚBLICA SEAGA

Ante o desaloxo das traballadoras da empresa pública SEAGA pechadas na base helitransportada de Silleda para denunciar a non contratación de traballadoras para a precampaña de incendios en Galicia e a inoperatividade de 6 bases helitransportadas, queremos expresar:

1º. O noso total apoio ás traballadoras que decidiron dar a cara e denunciar unha situación real que se está a dar entorno ás contratacións da precampaña contraincendios forestais de Galicia.

2º. Que na actualidade hai traballadoras de SEAGA con sentenzas xudiciais gañadas de fixeza discontinua, que non foron readmitidas pola empresa nin teñen recoñecida a súa experiencia a efectos de contratación polas listas que regula o decreto 37/2006.

3º. Que desde diferentes asociacións e organizacións profesionais e sindicais se veñen emitindo comunicados e notas de prensa durante os últimos días, nos que se carga contra do persoal de SEAGA e da propia empresa, aducindo a unha suposta duplicidade do servizo que teñen encomendado.

4º. Que as listas do decreto 37/2006, que regulan as contratacións de persoal laboral temporal para a contratación do persoal de reforzo de verán, non están sendo respectadas, nin no tocante ás contratacións, nin ás baremacións de méritos, como tampouco no referente á substitución de baixas por enfermidade.

5º. Que as melloras nas condicións laborais das traballadoras do reforzo de verán son máis que evidentes, pasando dunha contratación múltiple a través de mancomunidades, concellos, empresas privadas e das propias listas do decreto, a integrar ao reforzo de verán íntegro, a través da empresa pública SEAGA, coa conseguinte mellora nas condicións laborais e salariais.

6º. Que existe un intento por parte dun determinado sector das traballadoras de incendios que na actualidade están contratados 9 meses pola Xunta, de desprestixiar públicamente tanto ao colectivo de traballadoras da propia empresa SEAGA como a xestión deste ente público.

7º. Que este tipo de enfrontamentos non contribúen a mellorar as condicións laborais das traballadoras, como tampouco revirten nunha mellor calidade do servizo.

8º. Que existen intereses políticos e sindicais detrás das manifestacións verquidas estes días en contra das traballadoras da empresa pública SEAGA e o seu dereito de manifestación recoñecido legalmente.

9º. Que de continuar os ataques e difamacións contra o colectivo de traballadoras desta empresa, non descartamos emprender accións legais contra aquelas asociacións, organizacións e foros que deturpen a dignidade laboral dos traballadores de SEAGA.