26/9/09

Dúbidas en torno a un incendio

La Voz de Galicia
26/09/09
Cartas ao director

MONCHO ARES / Un sinistro das dimensións do vivido o xoves pola tarde en Boiro dá para pensar e reflexionar. Os leigos na materia retorcíanse de desesperación ao ver que as ducias de obstinados bombeiros non podían facer nada; tirábanse dos pelos pensando nos helicópteros dos incendios forestais e preguntábanse onde estarán? Teléfonos móbiles e voces en berro escoitábanse pola contorna do incendio: «Veñen os helicópteros ou non?», «Como que o están estudando?», «Que depende da Xunta? Xa están a pasarse a pelota uns aos outros».

Poida que, en realidade, as aeronaves non se atrasasen, ou que si; é posible que a forte calor das chamas imposibilitase realizar manobras máis eficaces; cecais os pilotos xogárona pasando entre a densa columna de fume e os eucaliptos... pero o que realmente importaba era salvar as naves, e o lume levoullas, e tamén os preto de cen postos de traballo, e as ilusións dun empresario feito a si mesmo.

Non sei si é tempo de abrir unha investigación sobre a actuación ou tratar de axudar a reverter unha situación crítica para, polo menos, un centenar de familias e a contorna no que residen, comen e conviven.