30/9/12

Os Comités de Empresa de SEAGA presentan a reportaxe QUEIMADOS

bombeirosforestais.blogspot.com
30/09/2012
Redacción

Os Comités de Empresa de SEAGA veñen de presentar unha reportaxe audiovisual sobre a situación laboral d@s trabajador@s contra incendios en Galiza baixo o título QUEIMADOS.

A curta, dunha duración aproximada de 17 minutos, amosa o traballo das brigadas de terra contratadas pola Xunta de Galicia para a extinción de incendios na comunidade. A través dunha breve introducción sobre a orixe dos lumes en Galiza e o día a día das brigadas contra incendios, pretende visibilizar as diferentes situacións ás que se enfronta este colectivo profesional. A curta remata cunha entrevista a un brigadista da empresa pública SEAGA que expón o conflicto laboral vivido polos traballadores este ano, ao tempo que aporta diferentes propostas de cara a unha mellora da súa situación laboral e das políticas forestais en Galiza.


21/9/12

Os traballadores contra incendios convocan unha manifestación en Compostela para o 29 de setembro

bombeirosforestais
21/09/2012
Redacción

A Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia convoca unha manifestación para o vindeiro sábado 29 de setembro en Compostela, para oporse á privatización do Servizo por parte da Xunta de Galicia e reclamar unha Mesa de Negociación para buscar solucións ao Servizo. A manifestación partirá da Estación de Trens de Compostela ás 11:30 da mañá. 

 

Os traballadores do dispositivo contra incendios da Xunta constitúense en Plataforma

bombeirosforestais
21/09/2012
Redacción

Os traballadores pertencentes ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, veñen de constituir unha Plataforma que aglutina á maior parte das organización sindicais e profesionais do sector, e ten como obxectivo principal a denuncia pública do desmantelamento que o actual goberno da Xunta de Galicia está a acometer no Servizo.

Segundo explican este ano tiveron entrada no servizo empresas plenamente privadas, que se suman ao desmantelamento planificado nestes últimos anos do servizo propio da Xunta de Galicia. Denuncian que a día de hoxe son 5 os instrumentos que a administración galega emprega no operativo de extinción (persoal da Xunta, da empresa pública SEAGA, de TRAGSA, de NATUTECNIA e dos concellos a través dos GRUMIR), cada un coas súas condicións laborais propias, sen que sexa posible que exista unha coordinación axeitada, e que o que pretende realmente a Xunta é dispor de man de obra barata sen dereitos laborais, sen experiencia e non profesional. Unha política totalmente irresponsable nun asunto tan complicado en Galicia como o dos incendios forestais, que segundo din renuncia de antemán a realizar unha política preventiva e forestal verdadeira do monte galego.

As demandas fundamentais da Plataforma céntranse nos seguintes aspectos:

1. A defensa dun Servizo Público, Único e Profesional de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. Non ás privatizacións do Servizo.

2. A contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso.

3. A profesionalización do dispositivo e eliminación do gasto da militarización dos nosos montes.

4. Por un Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios. Un traballo digno no que se fomente a prevención e a colaboración cos propietarios forestais para a conciliación de intereses como ferramenta contra os incedios forestais.

5. A apertura inmediata dunha Mesa de Negociación onde se busquen solucións ao Servizo.

A Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, fai un chamamento público á sociedade galega a apoiar esta iniciativa de racionalizar a situación do monte galego, e en especial anima ás diferentes organizacións e colectivos vencellados ao sector forestal e ao mundo rural a sumarse a esta Plataforma, e a apoiar as súas mobilizacións.

Sinalan ademais que o sector forestal é unha riqueza de todo o pobo galego, e debemos ser todos e todas nós quen o defendamos das erradas políticas dos diferentes gobernos galegos.

11/8/12

Brigadistas de vacacións namentras os incendios forestais asolan Galicia


bombeirosforestais.blogspot
11/08/2012
Redacción

As empresas encargadas de xestionar o dispositivo contraincendios en Galicia envían aos seus traballadores de vacacións en pleno mes de agosto e cun alto risco de incendio forestal.

Membros das brigadas de reforzo de verán que loitan contra o lume en Galiza están estes días de vacacións. Esta decisión foi tomada polas empresas SEAGA, TRAGSA e NATUTECNIA encargadas de xestionar as brigadas de reforzo contraincendios forestais para a campaña de verán, por orde da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Brigadistas de vacacións
Con temperaturas por riba dos 30 graos e varios incendios activos en toda a comunidade galega, algúns declarados de nivel 1 (con risco para persoas e casas), a Consellería do Medio Rural decidiu enviar de vacacións a moitas das brigadas contraincendios contratadas para o reforzo de verán. Este feito contrasta coas políticas practicadas pola Xunta en campañas anteriores cando o período vacacional dos brigadistas se deixaba para os derradeiros días da campaña de incendios, normalmente a finais do mes de setembro.


O feito de que en plena campaña de incendios haxa persoal contraincendios de vacacións ligado ás altas temperaturas que están a asolar o país, e a reducción de máis de 1.000 efectivos na loita contra o lume, está convertindo pequenos incendios en grandes lumes forestais con risco para a vida das persoas e casas.

Incendios
No incendio que ata o momento leva arrasadas preto de 1.000 hectáreas no concello ourensán do Barco de Valdeorras, arderon cinco vivendas e houbo tres feridos dous deles hospitalizados. Arestora o lume avanza sen control hacia o concello ourensán de Rubiá onde xa foron desaloxados das súas casas os veciños de varias aldeas. A este incendio hai que sumar outros rexistrados nas últimas horas noutros concellos de Ourense que calcinaron algo máis de 500 hectáreas.
Tamén na provincia de Lugo déronse por controlados dous incendios que afectaron aos concellos de Friol e Navia de Suarna.

11/7/12

CIG-Servizos e Comités de Seaga demandarán a subrogación do persoal das brigadas helitransportadas en Natutecnia

CIG-Servizos
10/07/2012
Laboral


A Consellaría de Medio Rural e do Mar anunciou públicamente que os efectivos destinados este verán á prevención e extinción de incendios estaban compostos por un total de 5.689 brigadistas. Fronte a isto, a CIG-Servizos e representantes dos comités provinciais de Seaga desmentían esta mañá, en rolda de prensa, esas cifras asegurando que só están traballando, neste intre, un total de 2.000. “A Xunta está descaradamente mentindo e inflando datos”, afirmou Paulo Rubido.


En concreto, e segundo explicou o secretario nacional de CIG-Servizos, están contratados como fixos descontinuos, e traballando, 1.000 brigadistas na Xunta de Galiza e non os 1.500 que ésta dixo. “Os 1.500 son o total de postos de traballo que figuran na RPT, pero non están todos cubertos”, matizou.


En Seaga, xa están dados de alta na Seguridade Social os 500 previstos e a través de Natutecnia, para as brigadas helitransportadas, están xa contratados outros 150 traballadores e traballadoras. A eles sumaríanselles os 436 brigadistas que a Xunta ten previsto incorporar como fixos descontinuos, durante tres meses, como condutores motobombistas, emisoristas e vixiantes. O total sería, xa que logo, 2.000 traballadores/as e non os 5.689 que a Xunta afirmou.
A isto engadiu que o total de brigadistas contratados por Seaga “están cobrando, pero seguen na casa sen prestar traballo efectivo, porque a empresa non fixo acopio de material abondo para que puideran desenvolvera  súa actividade”.
Rubido lembrou que para a campaña do verán pasado os efectivos estaban compostos por 3.600 persoas, 1.800 contratados pola Xunta de Galiza e outros 1.900 por Seaga. Unha diferenza de 1.700 que evidencia, para Rubido, o “descontrol” desta campaña. “A Xunta, este ano, só pretende solucionar o problema laboral, porque todas as contratacións teñen que facerse baixo a modalidade de fixo descontinuo”, afirmou advertindo que agora, por mor das condicións climatolóxicas non está habendo problemas pero que “cando aparezan vaise poder comprobar que estamos en condicións semellantes a Valencia”.

Demandas preparadas contra Natutecnia
Ante este descontrol e tras efectivizarse as contratacións a través de Natutecnia, tanto os comités provincias de Seaga como a CIG-servizos exixiron á Xunta que aclare a forma baixo a que esta empresa está traballando e que explique como foi contratado o persoal. Advertiron a Natutecnia que lonxe de facer negocio nesta campaña, esta vai ser “a súa tumba económica” e anunciaron que a CIG xa iniciou unha campaña para a presentación de demandas reclamando a subrogación dos 150 traballadores/as que formaron parte, na pasada campaña, das brigadas helitransportadas.
A este respecto, Rubido denunciou que Natutecnia “evitou contratar a traballadores/as con experiencia” e asegurou que xa se está rematando de recoller a documentación necesaria para a presentación dun cento de demandas.
Do mesmo xeito alertou da pretensión da Xunta de reforzar os efectivos con contratacións de máis brigadistas a través da empresa Tragsa, que xa ten previsto realizar as probas físicas o vindeiro día 12 de xullo. “Porén”, afirmou, “descoñécese o número de brigadas, a súa composición e o número de traballadoras e traballadores”.
Ante este baile de empresas alertou das pretensións da Xunta de experimentar este ano con esta modalidade de contratacións, coa pretensión de acabar por privatizar a prevención e extinción de incendios. Por iso, fixo un chamamento a unificar esforzos entre o persoal de Seaga e o da Xunta de Galiza e anunciou que os de Seaga irán incrementando as mobilizacións ao longo da campaña.