16/6/09

Fiscalía e policía realizarán este verán un "seguemento exhaustivo" dos incendiarios reincidentes

Faro de Vigo
16/06/2009
Galicia

Os pirómanos e incendiarios reincidentes terano máis difícil este verán se a súa intención é volver a delinquir. O estudo encargado pola Fiscalía galega a raíz da vaga de incendios de 2006 para coñecer o perfil do incendiario serviu de punto de partida para a elaboración dunha base de datos na que figuran todos os delincuentes detidos dende entón. Agora, esa ferramenta será utilizada para realizar un seguemento exhaustivo este verán daquelas persoas que cometeran con anterioridade incendios forestais, unha medida de prevención coa que se pretende reforzar o control do risco sobre os montes galegos.

Así o anunciaron onte o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, e o fiscal superior, Carlos Varela, que tras manter unha reunión na Coruña anunciaron que se incrementarán os medios humanos e materiais para a loita contra o lume, nunha política que se enmarca dentro do ámbito de "colaboración e cooperación" que deben "imperar" entre ambas institucións, segundo explicaron.

Antón Louro e Carlos Varela

Carlos Varela recordou que "toda a información dispoñible" integra unha base de datos que "serve de apoio" ás Forzas e Corpos de Seguridade así como ás persoas que participan na campaña de prevención, e a partir da cal poderase "prestar unha especial atención" aos pirómanos reincidentes que poidan manifestar un comportamento delictivo na tempada de incendios deste ano.

O fiscal superior de Galicia xa manifestara con anterioridade a súa preocupación pola reincidencia entre os incendiarios. No ano 2007, de feito, propuxo que aqueles delincuentes forestais que presentasen algún tipo de patoloxía fosen internados durante os meses de verán como medida de prevención, unha medida moi complexa xa que esixiría previamente unha reforma legal. O reforzo da vixianza sobre os incendiarios reincidentes vai nesta mesma liña e permitirá aproveitar os resultados da exhaustiva investigación encargada á Garda Civil en 2006 para mellorar a eficacia na loita contra o lume.

Louro indicou que o obxectivo é ter aos potenciais incendiarios controlados para "poder prever mellor as súas posibles actuacións". Respecto diso, tamén incidiu en que a coordinación entre Estado e Fiscalía "axuda a debilitar á xente que pretende atentar contra o medio ambiente".
Tanto Varela como Louro destacaron que o papel de ambas institucións é "fundamental" para previr e actuar contra un dos "maiores perigos" que sofre Galicia na época estival.