19/6/12

Traballadoras e traballadores de Seaga inician novas mobilizacións cunha manifestación o vindeiro mércores día 20 de xuño

CIG - Servizos
18/6/2012
Compostela

A 12 días do comezo do período de alto risco, a Xunta de Galiza aínda non fixo público o Pladiga 2012. Isto é, a esta alturas descoñécese cal será o dispositivo de prevención e extinción de incendios deste verán. Así o denunciaba esta mañá, en rolda de prensa, o secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, quen considera que este ocultismo obedece á decisión da administración de evitar a contratación de persoal que poida reclamar a súa condición de fixo descontinuo. Ante esta situación, o persoal de Seaga ten convocada unha manifestación para o vindeiro mércores, día 20 de xuño, con saída ás 11:00 horas da Estación de Tren.



Rolda de prensa d@s traballador@s, onte na sede da CIG de Compostela. 

Ao remate da campaña de extinción do ano pasado, a CIG fixo pública a primeira sentenza do Tribunal Supremo pola que se recoñecía a condición de fixos descontinuos que tiñan que ter todos os traballadores da empresa pública Seaga que traballaban na campaña de prevención e extinción de incendios forestais. Unha sentenza que reproducía outras anteriores do alto tribunal respecto de servizos de extinción doutras comunidades ás que xa se lles indicara que toda a contratación tiña que ser baixo esta modalidade e que o contrato por obra era ilegal.
Coincidindo coa publicación desa sentenza, outros 228 traballadores/as interpuxeron demandas contra a empresa pública Seaga que, segundo Rubido, van rematar co recoñecemento da súa condición de fixos descontinuos.
Pero as contratacións eventuais non se fan só a través de Seaga.  Para os medios propios da Xunta de Galiza, o Pladiga, a administración autonómica contrata todos os anos a 500 traballadores/as das categorías de condutor motobomba, emisorista e vixilante de torreta. Destes 500 traballadores 20, cando menos, presentaron reclamación o ano pasado, gañaron e houbo que crear as súas prazas na propia administración.
Para o secretario nacional de CIG-Servizos esta sería a razón do “ocultismo” da Xunta; da decisión de limitar as contratacións a través de Seaga para esta campaña (dos 2.300 contratos habituais, o ano pasado pasaron a 1.800 e este ano a tan só 500)  e de buscar fórmulas alternativas para completar o operativo -que, en todo caso, sería inferior ao de anos anteriores- a través de empresas como Natutecnia ou, segundo as últimas informacións ás que tiveron acceso, de Tragsa.
“Están poñendo en perigo o propio dispositivo e a este país coa definición do operativo que están facendo”, denunciou, advertindo que os 500 contratados de Seaga van ter a condición de fixos descontinuos. Nese sentido, explicou que unha parte xa gañaron na vía xudicial e ao resto vannos converter en interinos. Sinalou que Seaga publicou na súa páxina web o listado de interinos/as e que a CIG comprobará a súa legalidade, “porque temos enormes dúbidas de que unha lista de traballadores eventuais se poida converter, por arte de maxia, nunha lista de contratación interina na que eses 500 van ser os que ocupen esa praza até que se realice un concurso oposición”.
Natutecnia
Até o de agora a Xunta contrataba todos os anos, cunha empresa, o servizo de helicópteros e as brigadas que transportaban eran, ou persoal propio da administración, ou persoal de Seaga. Polo que puido saber a CIG-Servizos, para esta campaña as brigadas helitransportadas serán contratadas a través de Natutecnia, que xa colgou a semana pasada, na súa páxina web, unha oferta de emprego para peóns, peóns especialistas e xefes de brigada. E non só iso, xa ten fixada a data na que se realizarán as probas físicas.
A CIG-Servizos denuncia que esta empresa ten a consigna de contratar a xente sen experiencia para evitar que se produzan posteriores reclamacións. Ante isto, Paulo Rubido afirma que “quen traballe en Natutecnia tamén ten que ter contrato fixo descontinuo”, pero que o que se lle vai realizar é contrato por obra.
O operativo previsto é de entre 150 e 200 traballadores, que cubrirán as bases que estaba cubrindo Seaga. “Esta central sindical ten moi claro que é cesión ilegal e así o vai demandar e entendemos que o persoal que traballou en campañas anteriores en brigadas helitransportadas en Seaga pode exercer o seu dereito a reclamar exixindo a subrogación desta empresa dado que o servizo que se ía facer con anterioridade é o mesmo que se vai facer agora”.
De feito, anunciou que a CIG vai animar aos traballadores de Seaga que formaron parte das brigadas helitransportadas e que este ano non van ser chamados por Natutecnia, a que inicien as accións legais correspondentes tanto contra esta empresa como contra Seaga.
Redución do operativo
O secretario nacional de CIG-Servizos denunciou tamén “a irresponsabilidade política” que supón reducir o operativo, xa que segundo a información da que dispoñen, baixan as brigadas de 5 traballadores a 4, cun tope de 7 brigadas por distrito, cando en anos anteriores había, nos distritos conflitivos, até 24 brigadas, para atender as continxencias da campaña de extinción. “Se nun distrito se baixa de 24 brigadas a sete, e cada unha destas de 5 a 4 persoas dá para, cubrindo quendas, ter unha brigada para cada distrito, cun reforzo de mañá ou de tarde. Un total de 8 persoas. Se alguén pensa que con 8 traballadores nun distrito se pode facer fronte a unha mínima situación de risco que haxa no país é que non ten nin idea de como funciona o servizo de extinción de incendios”.
A CIG-Servizos tamén tivo información de que se pretende reducir a contratación do Pladiga, ou sexa, dos medios propios da Xunta de Galiza, eliminando os vixilantes de torreta e derivando parte do traballo dos emisoristas a Natutecnia, alén de facer unha contratación de mínimos de condutores de motobomba. “Novamente a administración o que está planificando e prevendo é o mínimo gasto, coa mínima praza fixa creada e non a situación de risco que se pode dar”.
Tragsa
Alén de Natutecnia, CIG-Servizos tamén tivo coñecemento “a través da rumoroloxía que promove o director xeral, co seu ocultismo”, de que a Xunta de Galiza está valorando reforzar as brigadas, “porque sabe que non lle chega este operativo de mínimos e que esta contratación se realice a través de Tragsa”.
Para Rubido, tanto a contratación de Natutecnia como a de Tragsa, de facerse efectiva, serían de dubidosa legalidade xa que non existe ningunha vinculación contractual ou resolución da consellaría que determine a adxudicación dese servizo. “A CIG ten previsto seguir este tema legalmente porque terán que explicar cales son as condicións de excepcionalidade que xustifican estes contratos sen sacalos a concurso público”. Por iso, tampouco descarta emprender accións legais a este respecto.
Propostas alternativas
Ante esta situación e nunha xuntanza coa conselleira, a CIG-Servizos presentou a proposta de estabelecer unha mesa de negociación para atopar unha solución de carácter definitivo para o servizo de extinción, entendendo que ningunha administración se pode permitir ter a case 4.000 traballadores eventuais contratados todos os veráns simplemente para apagar lumes. “Somos plenamente conscientes do elevado custo económico que supón isto” explicou Rubido, quen sinalou que para evitar que se dea unha situación semellante o normal é reducir o servizo.
Porén, esa redución tería que pasar, necesariamente, pola ordenación forestal do país, para logo limitar o dispositivo habitual, de 2.300 traballadores de Seaga contratados  2-3 meses no verán, a 1.400 traballadores nos meses pico. Deses, a CIG-Servizos propoñía que 700 traballaran máis de tres meses, realizando tarefas de prevención, adecuación de pistas forestais, preparación de pozas de auga, de puntos de auga, desbroce directo de cunetas, zonas críticas e demais.
Entramado operativo
A proposta non só non foi atendida pola administración, senón que foi substituída por un operativo -do que responsabiliza ao director xeral Tomás Fernández Couto- que o secretario nacional de CIG-Servizos definiu como “peculiar”, co único obxectivo de evitar a contratación pola vía estabelecida polo Supremo.
Un operativo que obrigará a coordinar aos medios propios da Xunta, de Seaga, de Natutecnia, de Tragsa -se finalmente se confirma que optan tamén por esta empresa- e dos concellos que contan con medios propios. “Estamos no escenario dunha campaña na que, no canto de simplificar, regularizar e ordenar isto, que sería o que tería que facer unha administración responsábel o que se fai é fraccionar o servizo, complicalo máis e facer practicamente imposíbel unha mínima previsión de planificación, e todo isto na escuridade, con alevosía, enganando, mentindo ou non dicindo que é a peor das mentiras”.
Diante deste despropósito, os traballadores de Seaga anunciaron que non permitirán, baixo ningunha circunstancia, que a Xunta privatice o servizo de extinción de incendios. Rubido advertiu ademais que, “se pensa que desta forma vai evitar a nosa actuación sindical están moi equivocados”.
Mobilizacións
Alén das accións legais que se barallan, teñen convocada unha manifestación o mércores 20 con saída ás 11:00 horas da estación do tren. Manifestación que coincidirá coa data na que se celebren as probas teóricas de xefe de brigada e de capataz de Seaga e as probas físicas dos traballadores que se presentan á convocatoria de Natutecnia.
O secretario nacional de CIG-Servizos asegura que se trata dun intento da administración de rebentar a manifestación e afirma que, pola contra, “ese día Compostela terá a máis traballadores do sector forestal que calquera outro e habilitaremos fórmulas para poder compatibilizar a súa participación nas probas e na manifestación”.
Advirte ademais que as mobilizacións non se quedarán aí e que “a vontade e firmeza dos traballadores de Seaga, na loita por un servizo público de prevención e extinción de incendios forestais vai continuar adiante con todas as consecuencias”. Por iso, recomendou ao presidente da Xunta que mirara a loita dos mineiros asturianos, porque, dixo “esa é a situación que se pode atopar aquí o goberno da Xunta se non dá unha solución a Seaga”.