15/6/12

COMUNICADO D@S TRABALLADOR@S DE SEAGA PARA A MANIFESTACIÓN DO 20 DE XUÑO

Comités de Empresa de SEAGA
15/06/2012

Neste tempo de incertidume, inseguranza e dúbidas temos ante nós unha nova campaña de verán. Vimos de experiencias traumáticas para o noso monte. Desde o inverno houbo 16.000 Ha. queimadas en menos de 6 meses e espazos protexidos destruidos (Xurés, Invernadoiro, Fragas do Eume), sen que a Xunta contratase persoal, nin de prevención, nin de extinción, nin de rexeneración. Produciuse a morte do compañeiro Hixiño cando traballaba na extinción dun lume, e lembrámonos tamén de Xulio e Rodrigo, compañeiros nosos de SEAGA. Como sabedes o camiño andado até aquí foi longo e cheo de atrancos. Se recapitulamos, som moitos anos de loita contra o lume e contra as condicións laborais que vimos sufrindo os traballadores e as traballadoras de SEAGA. Queimados, vimos dicer abonda! 

Denunciamos a irracionalidade do actual modelo forestal que esquece os servizos ambientais e sociais do monte e da biodiversidade, que fomenta os monocultivos e que permite a proliferación de especies pirófitas, como consecuencia da miopía dun sistema de loita contra o lume que segue primando a extinción e o desbaldimento de recursos en lugar de investir en prevención. 

Tememos porque se perda unha xeración de persoal do servizo de prevención e extinción contraincendios con experiencia e coñecementos. Tememos porque este servizo non sexa estábel. Tememos porque este servizo sexa privatizado. Ano após ano, somos unha poeira que a leva o vento do goberno que xestiona o servizo. 

Após 228 denuncias de traballadores e traballadoras de SEAGA contra a fraude do sistema de contratación, fundamentadas por sentenzas do Tribunal Supremo, a empresa segue a ofrecer mais precariedade, inseguranza e disminución do servizo, reducindo irresponsabelmente os meios na loita contra os incendios. 

Reclamamos uns servizos unificados e públicos polas listas da Xunta de Galiza, cunha valoración obxectiva da experiencia, recoñecéndose aos traballadores e traballadoras de SEAGA o tempo traballado. Reclamamos un convenio que regule o sector recollendo as necesidades específicas dos e das traballadoras. No caso de continuarmos en SEAGA, reclamamos un convenio própio que regule o persoal, tempo de traballo, funcións dos postos,... así como un número de postos de traballo que se corresponda coas necesidades reais do servizo, e non eses ridículos 500 postos estimados pola Xunta. E reclamamos tamén a retirada da Unidad Militar de Emergencias e das patrullas do Ejercito de Tierra das labouras contraincendios forestais. 

Queremos un rural vivo, que fixe poboación que se asente no rural para aproveitaren os recursos que ofrece o monte, respectando os seus ritmos biolóxicos, promovendo a prantación de árbores autóctonas e unha xestión forestal que integre as tres funcións básicas do monte (ambiental, productiva e de uso social ) e procure o aproveitamento múltiple do monte (madeira, gando, froitos e cogomelos, etc.) 

Pedimos a derogación da nova Lei de Montes porque achegará o lume ás casas reducindo as faixas de protección de 100 metros a 50; limitando a capacidade de xestión e decisión das comunidades de montes; e que ten unha visión productivista do monte galego primando o uso exclusivamente madeireiro; e que permitirá grandes extensións de monocultivo de especies, o que supón unha clara regresion na xestión forestal. 

Apelamos á unidade dos traballadores e das traballadoras de SEAGA, á participación nas asembleas e a loitar polos seus dereitos e por un monte sostíbel. 

O MONTE QUEIMADO E NÓS NO PARO. 

O MONTE A MONTE E NÓS NA CASA. 

SEAGA SOLUCIÓN!