13/6/12

Manifestación en Compostela d@s traballador@s de SEAGA

Confederación Intersindical Galega
12/06/2012
Compostela


A TOD@S @S TRABALLADOR@S DE SEAGA

Como seguramente xa sabedes, e a raíz das demandas presentadas por 228 traballador@s de SEAGA no remate da campaña pasada, reclamando a súa condición de fixos discontinuos, por primeira vez desde a posta en marcha desta empresa podemos dicir que se rematou a contratación eventual. Este primeiro paso, imprescindible para poder conseguir unhas mínimas condicións de traballo, vén ensombrecido pola decisión de reducir o operativo de extinción en máis de 1300 postos de traballo a respecto do ano pasado, xa que a Xunta inicialmente só ten previsto realizar 500 contratacións de persoal de terra, en 125 brigadas de 4 traballador@s cada unha delas.

Queda claro que desde a Consellería do Medio Rural, sabedores que todas as prazas que convoquen teñen que ser indefinidas, pretenden que o número de fixos nesta empresa sexa o mínimo posible, aínda que sexa a costa de montar un dispositivo a todas luces insuficiente e que pode provocar situacións de alto risco tanto para @s traballador@s do Servizo como para a poboación en xeral.

Igualmente, e agardando por coñecer o PLADIGA deste ano, que confirmará as peores previsións de falta de persoal, a situación xeral é de extraordinaria confusión, non sabendo nin eles mesmos como solucionar situación que seguramente se van dar. A pesar da disposición dos Comités de Empresa a negociar toda esta situación, que é responsabilidade deles, tedes que saber que non aceptaron nin unha soa das nosas propostas, e que polo tanto todo o que vai acontecer é decisión unicamente da Consellería do Medio Rural e a dirección da empresa.

Desde os Comités de Empresa fixemos unha proposta de 100 traballador@s fixos todo o ano, 150 fixos de helitransportadas de 7 meses, 100 fixos de terra de 7 meses, 350 fixos de terra de 3 meses, e 700 contratacións eventuais de 3 meses para o verán á espera de concretar definitivamente a estrutura da empresa, e prevendo así 1400 contratad@s na campaña de verán, na vez das 500 ofertadas pola empresa.

A esta proposta dixeron que non.

Para tentar aclarar ao máximo posible o caos que vai ser esta campaña, ímosvos indicar o que sabemos polo que a empresa nos dixo de palabra e que se vai confirmando, e que xa informamos nas asambleas que fixemos a semana pasada:
- Este ano SEAGA non vai levar as brigadas helitransportadas. Non sabemos se as levarán por Natutecnia (empresa privada) ou a propia Xunta.
- O tempo garantido son para esta campaña 2 meses e medio con posibilidade de 3 meses.
- As brigadas serán de 4 traballador@s, 1 xefe de brigada, 1 peón especialista e 2 peóns.
- @s denunciantes do ano pasado con sentenza firme (58 en total), entran directamente a ocupar praza.
- Aos/as 442 traballador@s deste ano que entrarán por lista se lles fará un contrato de interinidade, co cal ocupan praza até que se faga un concurso oposición (previsto para o ano 2013).
- Teñen intención de extinguir os contratos de interinidade cando @s restantes demandantes (170 en total) teñan sentenza firme. Isto é ilegal, e entendemos que se a alguén lle pasa isto pode reclamar, e con probabilidades de gañar praza.
- Tod@s @s demandantes con sentenza recorrida poden solicitar execución de sentenza e reclamar salarios aínda que non os chamen a traballar.
- @s demandantes á espera de xuízo ou sentenza, entendemos que deben reclamar os salarios desde que se inicie esta campaña.
- Non teñen previsto realizar contratacións temporais vía Xunta de Galiza.
- Están calculando xa o equipo de técnic@s e administrativ@s de SEAGA, co cal todo parece indicar que SEAGA se consolida, e vai seguir traballando, incluso para outras Consellerías (traballos de control de pragas, rexeneración de praias, etc.)
- Xa anunciaron publicamente que vai haber máis contratacións que as 500 a través de SEAGA este ano. Simplemente, estes desgraciados da Consellería pretenden aforrar. Sacan un dispositivo de mínimos, e se a cousa se complica, contratarán máis reforzo.

Tal e como está a situación, desde os Comités de SEAGA temos claro que se este ano somos quen de facer máis presión, tendo en conta que as eleccións autonómicas son inminentes no tempo, é moi posible que consigamos un número de prazas que se aproxime ao que pedimos. Cada praza que saquen a maiores, ou que gañemos no xulgado, é unha praza máis fixa que teremos no concurso oposición do ano 2013.

Por todo isto, propoñémosvos:

MANIFESTACIÓN NACIONAL D@S TRABALLADOR@S DE SEAGA EN COMPOSTELA

Mércores 20 de xuño, ás 11 da mañá desde a Estación de Trens de Compostela

É O NOSO MOMENTO, É A NOSA OPORTUNIDADE!


ANÓTATE NOS AUTOBUSES QUE SAIRÁN DESDE A TÚA COMARCA:

Ferrol: 981358750 / 663075082  A Coruña: 981169293 / 981169894 / 646597051    
Verín: 988412345  Ourense: 988233134 / 607936734      
Vigo: 986827945 / 986827900 / 630893184
Pontevedra: 986852950 / 672295227      Lugo: 982225812 / 676249840