27/7/09

O mal tempo evitou os incendios en xullo, pero aumentou a maleza

27/7/2009
xornal.com

O descenso das temperaturas e as precipitacións caídas nos últimos días evitaron a proliferación de incendios no inicio da campaña estival. Iso aseguran sindicatos, traballadores do servizo de extinción e partidos da oposición, que advirten, non entanto, do perigo de repetir a situación vivida en 2006, favorecida, ademais, polo crecemento da maleza.


Nos primeiros vinte días deste mes algunhas zonas de Galiza, como Ourense ou Lugo, rexistraron temperaturas medias dous grados máis baixas que en xullo de 2006, o que, unido ás precipitacións caídas nos últimos días, contribuíu a reducir o número de incendios.

"A única arma coa que conta a Consellería do Medio Rural e o Goberno de Núñez Feijóo é o mal tempo", advirte a portavoz de Medio Rural do PSdeG Sonia Verdes.

Con todo, estas condicións climatolóxicas, con altas taxas de humidade, provocaron o crecemento de maleza nos montes, especialmente restroxos e toxos.

"Sabemos, por experiencia, que en dúas semanas que haxa moito vento do norte, algo de calor e falta de auga, a maleza sécase" e convértese "nun material altamente inflamable", sinala a presidenta do Comité de Empresa da empresa de Servizos Agrarios de Galicia (Seaga), María Rodinho.

O propio conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, recoñece que "tras dous veráns moi húmidos, se temos calor, hai un volume preocupante de material potencialmente combustible".


A este problema súmase, ademais, a madeira caída polo paso do ciclón Klaus o pasado mes de xaneiro e que non "foi retirada a tempo", apunta Verdes, polo que se converterá nun "chisqueiro" coa chegada "das olas de calor e as temperaturas posiblemente máis elevadas en agosto", engade o responsable da administración autonómica de UGT, Fran Núñez.

Con esta situación, Galicia situouse como a terceira Comunidade Autónoma máis vulnerable aos incendios forestales, segundo un informe presentado pola organización ecoloxista WWF/Adena. "Que Deus queira que non pase o de 2006, porque estamos, se cabe, ata peor", afirma Núñez.

De feito, o risco de que se repita a vaga de lumes de fai tres anos, na que entre o 4 e 14 de agosto arderon 82.418 hectáreas de monte, é "moi elevado", asegura a portavoz socialista Sonia Verdes.

O coordinador do sector Administración Autonómica do sindicato CCOO, Emilio Doforno, advirte de que o "problema" pode empezar "a partir do 15 de agosto, cando se vén un verán moi seco, empezan a influír as temperaturas extremas e os ventos por encima dos 30 quilometros por hora"

Por este motivo, os sindicatos reclaman á Xunta que dote de máis recursos ás brigadas e estableza un mando único -o que implicaría a desaparición de Seaga- na política contra-incendios.

Non entanto, se Galiza volvese a sufrir unha vaga como a de 2006, con máis de cen novos lumes cada día, os equipos de extinción atoparíanse cun problema engadido derivado da falta de limpeza dos montes.

"Levamos os anos do bipartito e os sete meses deste sen facer ningunha prevención", denuncia Doforno. A este respecto, PSdeG e BNG coinciden en criticar a falta de convenios cos concellos para realizar tarefas de desbroce.

"As políticas preventivas non se realizaron de xeito óptimo", sentencia a responsable do sector forestal do BNG, Tareixa Paz.

Así mesmo, os sindicatos critican a falta de transparencia da Consellería de Medio Rural que, ao contrario do que sucedía nos últimos anos, non informará diariamente do número de incendios que azouten Galicia.

De calquera xeito, o dispositivo anti-incendios da Xunta, "o máis completo e efectivo de toda España" segundo o director xeral do Montes, Tomás Fernández-Couto, deberá esmerarse no que queda de verán para manter verde o monte galego.