4/6/09

Traballadores de SEAGA péchanse en Medio Rural para exixir a readmisión dos 150 compañeir@s despedid@s

Xornal Dixital Avantar
4/06/2009
Compostela

Un grupo de traballadores e traballadoras de SEAGA procedentes de varios centros do País pecháronse na mañá do 4 de xuño nas dependencias da Consellaría do Medio Rural para esixir a readmisión dos 150 compañeiros/as despedidos nos últimos tres meses e reclamar solucións á situación de precariedade laboral que padecen.




Arredor de 20 persoas tomaron sobre ás 11:45 horas da mañá os corredores da Consellaría despregando faixas en contra do despedimento de traballadores/as na empresa pública e reclamando un emprego público estable. Tamén se puideron ver cartaces coa convocatoria de folga do vindeiro día 11 de xuño en Compostela.



Non obstante, o peche tan só durou uns 20 minutos dada a rápida intervención da policía, que procedeu a desaloxar de inmediato aos manifestantes do recinto administrativo de San Caetano. O persoal foi identificado ás portas da Consellaría, tivo que saír do recinto en grupos separados de tres ou catro persoas e acompañados por axentes. A policía tiña “instrucións claras e precisas” sobre o desaloxo “inmediato” dos traballadores/as de SEAGA, un feito que dá conta do “talante” co que o novo goberno vai enfrontar as lexítimas reivindicacións da clase obreira e da cidadanía galega.



Solucións á situación de precariedade

A través do acto, o persoal de SEAGA pretende dar a coñecer publicamente a precaria situación que padecen e reclamar aos responsábeis da empresa e da Consellaría do Medio Rural a apertura de negociacións co obxectivo de estabilizar os postos de traballo, rematar coa precariedade e a temporalidade na contratación e coñecer cal vai ser o seu futuro laboral.


A protesta enmárcase dentro do calendario de mobilizacións acordado nas asembleas provinciais de traballadores/as, que incluirá unha xornada de folga e unha manifestación en Compostela o vindeiro 11 de xuño.