18/5/09

INCENDIOS: Labouras de prevención por valor de 7 millóns están sen executar

El Correo Gallego
16/05/2009
Santiago

Coa campaña de máximo risco de incendios en Galicia pisando os calcaños, o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, atópase cunha "preocupante" sorpresa que, de seguro, quitaralle horas de sono, incluso antes de que as altas temperaturas, os ventos do nordés e a falta de humidade o faigan. Nada menos que 7 millóns de euros para a posta en marcha do plan de prevención de incendios forestais aprobados este ano polo bipartito, están sen executar. Hai "unha importante parte" dos traballos de limpeza, aclarado de masas forestais, desbroces e tarefas de silvicultura, entre outros, cuxa tramitación administrativa "nin sequera está iniciada".

Tomás Fernández-Couto volve a tomar as rendas da Dirección Xeral de Montes, logo do impás do bipartito, e que estivo antes baixo a súa responsabilidade ao longo de 10 anos. Asegura que "non hai un plan pechado de obras e hai pouco tempo para executalas" e aínda que requerirá "un grande esforzo", dado que coincidirá coa preparación do dispositivo contraincendios, confía en que nas "primeiras semanas de xullo" poidan ter acondicionadas o maior número de "hectáreas posibles con ese custe". Engade que "aínda hai que seleccionar as zonas nas que se van a realizar, elaborar os proxectos de execución, realizar a súa tramitación administrativa e executar os traballos". "Son realista" e así están as cousas, apuntou.

A este problema engádese ademais que aínda "segue no monte prácticamente toda a madeira" afectada polo Klaus e os demais temporais que azoutaron Galicia o pasado invierno. As axudas comprometidas ao sector para retirala son de 7 millóns de euros e só están presupostados 2 millóns. "Hai un desfase de 5 millóns", precisa o responsable de Montes, que está buscando fórmulas para ver "cómo podemos facer fronte económicamente a ese compromiso" e ademais a forma de "complementar a orde para facela máis áxil" e retirar esa madeira, non só polo risco que supón para os incendios, senón ademais para evitar pragas vexetais e as súas negativas consecuencias.

O operativo de extinción é máis caro

"O orzamento aumentou moito e o operativo de extinción é máis caro" que o que había antes de que o anterior Goberno bipartito chegara á Xunta, afirma Tomás Fernández-Couto, que quince días despois de pórse á fronte da Dirección Xeral de Montes xa manexa as principais cifras. O orzamento nesta materia "é prácticamente o doble"-apunta- que o que se destiñaba no operativo contraincendios posto en marcha polos anteriores executivos populares e que sempre foi tan criticado por PSdeG e BNG estando na oposición. "Estes anos (co bipartito) non foi máis barato en absoluto. Non houbo unha disminución do custe. Neste momento a subdirección de incendios ten máis orzamento que o que tiña antes toda a Dirección Xeral de Montes", destaca. Ademais non ten reparo en subliñar que "tamén incrementou o investimento en prevención".

Respecto ao mantemento de SEAGA, Fernández-Couto sinala que "é unha polémica que en grande medida é artificial. Estase poñendo en marcha o operativo previsto e non hai posibilidade de cambiar o modelo. De momento é un tema prematuro, imos a ver como funciona, as súas vantaxes e inconvintes. Imos a estudar todo e veremos como cristalizamos o dispositivo de 2010", conclúe.