6/9/09

Samuel Juárez: O que fixemos foi engadir máis medios na loita contra o lume

La Voz de Galicia

6/09/09

Galicia

Encaixa como anel no dedo no perfil técnico que tanto perseguiu Feijoo para deseñar o seu equipo. Experto no sector marítimo e agrario e nado en La Bañeza (León), tócalle agora afrontar a grave crise do sector lácteo e tamén resolver un mal endémico que arrastra Galicia: o minifundio forestal, que lastra a competitividade do monte e fomenta o seu abandono, algo que aproveita ben o lume.

-¿Que balance fai do que vai de campaña?

-A temporada de risco remata o 30 de setembro; aínda hoxe estamos en alerta porque vimos dun agosto seco, pero o verán foi razoablemente bo. Despois do 2006 viñeron dous exercicios atípicos, con máis choiva, e parece que se mantén a tendencia. Parece que hai cada vez menos lumes e iso é bo porque tendo en conta que a meirande parte deles son provocados quere dicir que existe maior concienciación social.

-¿Que fixeron vostedes?

-Nós herdamos do bipartito varios problemas: o convenio co Exército para a vixilancia dos montes que non estaba dotado e había outras partidas deficitarias. Faltaban brigadas. Tivemos que corrixir un déficit de 4 millóns de euros.

-Si, ¿pero que singulariza a nova política do Executivo de Feijoo?

-O que fixemos nós foi engadir máis medios na loita contra o lume, e se mudou a súa distribución, tanto no que se refire á vixilancia como á extinción. Entendiamos que había zonas que precisaban reforzo e outras cubertas innecesariamente. O bipartito tiña medios contra os lumes en puntos non operativos.

-¿Por exemplo?

-Tiñamos recursos e infraestrutura na área do Barco, nun extremo, e os trasladamos a Monforte, cun mellor radio de acción.

-¿E que cambios haberá o ano que vén?

-Haberá novos axustes de distribución dos medios, pero non moito máis. Teño solicitado a Madrid un helicóptero máis en Becerreá e que o hidroavión con base operativa en Santiago estea dispoñible xa dende a primavera.

-¿Por que razón?

-Porque aínda que moita xente non o saiba é unha época de certo risco. Os lumes que máis superficie queimaron en Galicia ao longo deste ano 2009 producíronse na primavera.

-Unha das grandes eivas da política contra os incendios é a conflitividade laboral do persoal. ¿Que vai facer vostede?

-Hai que profesionalizar máis os recursos humanos, que os traballadores teñan unha maior estabilidade. Imos recuperar os servizos que viñan prestando os concellos e que o bipartito substituíu con Seaga. É persoal que coñece ben a zona e é moi útil.

-Un terzo do bosque galego está abandonado e iso incrementa o risco de lumes. Tamén supón un desaproveitamento económico. O Goberno bipartito creou as unidades de xestión forestal (Uxfor) para tratar de rematar co minifundio. ¿Cal é a súa estratexia para resolver este grave problema?

-As Uxfor poden funcionar nalgúns casos, pero é unha figura asemblearia na que é difícil poñer a todos os propietarios de acordo. Traballamos para desenvolver unha nova figura societaria de xestión do monte. Hai contactos co Goberno porque este é un asunto de lexislación estatal. Temos que modificar algúns aspectos da Lei de Sociedades e de regulación fiscal para por en marcha exencións. Os resultados deste traballo vanse ver ao moi longo prazo, pero tomar este camiño é ineludible.